Tuesday 07 de May de 2024

A Pobra implanta a compostaxe comunitaria en tres espazos


A Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal amplía o proxecto da compostaxe no municipio coa implantación de tres composteiros comunitarios situados na zona do Castelo (entre o edificio de usos náuticos e as pistas deportivas), do Caramiñal (a carón das pistas de Raquel Fernández Soler) e en Venecia (na contorna do paseo da Xunqueira); un modelo de compostaxe dirixido a persoas residentes en edificios e vivendas unifamiliares sen terreo. A elección destes espazos responde ós criterios de que son superficies de titularidade municipal, cun punto de auga e nas proximidades de núcleos densos de poboación.

Estes estarán xestionados por persoal municipal para controla-lo proceso da compostaxe e o correcto uso por parte da veciñanza. En caso de producirse algunha incidencia puntual como mal olor ou animais roldando, está ó dispor a Área do Medio Ambiente para resolve-la situación na maior brevidade posible.

Se ben os colectores non estarán instalados ata dentro de dúas semanas, as solicitudes de participación xa se poden presentar no rexistro, tanto físico coma telemático, logo de cubri-lo documento pertinente. Ofrecerase formación, contacto para resolver dúbidas, caldeiro e as chaves dos contedores, pois permanecerán pechados para evitar que se depositen residuos que non corresponden.

Ademais, no 28 de maio habilitarase un posto informativo nos Xardíns de Valle-Inclán en horario de 10.00 a 14.00 horas.

A edil do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), indicou que a finalidade radica en fomenta-la sustentabilidade na xestión da materia orgánica na orixe, cuestión que redunda en beneficios medioambientais e económicos ó verse reducido o peso da fracción do resto depositada nos contedores verdes convencionais e, polo tanto, a cantidade de lixo para tratar por parte da Sogama. Lembrou tamén que o Concello se atopa inmerso na terceira campaña do programa da autocompostaxe, o cal se traduciu no repartimento de máis dun cento de colectores a particulares.

Pola súa parte, a técnica municipal desta área, Beatriz González, fixo fincapé en que a compostaxe comunitaria “ben levada e ben xestionada non ocasiona problemas”, ademais de constituír un servizo máis que se lle ofrece á cidadanía para diminuí-la cantidade de lixo orgánico.

Finalmente, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), animou a veciñanza a que se sume a esta iniciativa, como está sucedendo noutros municipios de toda Galicia, para así continuar ampliando o proxecto.

A implantación da compostaxe comunitaria atópase financiada por unha subvención da cal resultou beneficiaria a Administración local, ó abeiro das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na convocatoria de Residuos 2019 e 2020 (PIMA e Pemar), que coas liñas de compostaxe pretende reduci-las emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e mellorar na consecución do Plan estatal marco de xestión de residuos (Pemar).